Tuesday 07 de May de 2024

O Concello destina 350.000 euros á posta en marcha de 36 proxectos de inclusión social a través do deporte e a cultura


A alcaldesa Inés Rey destaca que permitirán seguir construíndo unha Coruña más inclusiva e igualitaria

O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, asinou hoxe convenios de colaboración con entidades sociais e culturais para a posta en marcha de 36 proxectos sociais que favorecerán a inclusión social a través de iniciativas culturais e deportivas. En palabras da alcaldesa, Inés Rey, “permitirán continuar a construción dunha Coruña más inclusiva e igualitaria”.

Ambas convocatorias Deporte Solidario e Inclusivo que chega á súa oitava edición e Cultura accesible e inclusiva que cumpre seis anos contribúen ao desenvolvemento de iniciativas sociais en beneficio da cohesión social da cidade.

O programa Deporte Solidario e Inclusivo, promovido pola Fundación Emalcsa, destina axudas para a promoción da igualdade de oportunidades, a integración social e o fomento de hábitos de vida saudables a través do deporte. Con esta oitava convocatoria, a alcaldesa Inés Rey destacou que “o Concello reafirma o seu compromiso coa comunidade deportiva da cidade, achegando recursos para a continuidade do seu labor social e contribuíndo, ademais, á súa recuperación tralas consecuencias derivadas de crise sociosanitaria”.

Nesta convocatoria destínanse un total de 250.000 euros a proxectos con base deportiva enfocados na integración de colectivos vulnerables. Desta forma, a achega total da Fundación Emalcsa, desde a creación do programa de axudas Deporte Solidario e Inclusivo en 2013, alcanza os 2 millóns de euros; contando coa colaboración de Gadisa, como patrocinador do programa desde o ano 2017. Inés Rey destacou que “os 20 proxectos seleccionados nesta convocatoria impactarán de forma directa en máis de 3.800 persoas, que participarán durante os próximos meses en numerosas actividades de carácter deportivo”.

Gran parte dos proxectos seleccionados incorporan ademais a oferta de prazas de carácter gratuíto nas escolas, campamentos e demais actividades habituais dos clubs, dirixidas principalmente a menores en situación de exclusión económica. Un total de 388 prazas que serán xestionadas polo persoal de Servizos Sociais

Municipais.
Convocatoria ‘Cultura accesible e Inclusiva’
O Concello tamén reafirma hoxe a súa aposta polo acceso á educación e desenvolvemento artístico e cultural a través da 6ª edición do programa de Cultura
Accesible e Inclusiva.
Todas as iniciativas seleccionadas nesta convocatoria comparten a vocación de traballar pola inclusión de colectivos discriminados socialmente por motivo de discapacidade ou baixos recursos económicos, ofrecéndolles espazos culturais seguros e os medios necesarios para mellorar o seu benestar e desenvolvemento persoal.

A alcaldesa puxo este programa como exemplo de “como a alianza entre entidades públicas e privadas fortalece a cohesión social e promove a participación cidadá na contorna local”. A rexedora destacou a contribución da Fundación María José Jove e Vegalsa como mostra da relevancia da colaboración entre institucións para impulsar proxectos tan significativos como os seleccionados nesta edición.

Este ano serán dezaseis os proxectos sociais de entidades culturais da cidade que se porán en marcha por entidades e que poñen a disposición máis de 900 mil euros de orzamento global anual e manteñen activas aproximadamente a 2.200 persoas entre as que se atopan as voluntarias, voluntarios e colaboradores das entidades.

O eixe central sobre o que se desenvolverán os proxectos é o pulo da cultura como instrumento transformador, centrando a atención cara aos colectivos máis vulnerables.